Compartir
 
Compostela Cultura | Novas
20 de xuño de 2019
Chega a oitava edición de ‘TerraZeando. Ciclo de concertos ao fresco’ en espazos singulares de Compostela
  • Organizado por Desconcierto Cultural, o ciclo ofrece 5  concertos, con 9 bandas, na Praciña do Olvido, o Hotel NH Collection Santiago, a Terraza da Fundación SGAE, o Hotel Costa Vella e o Parque de Galeras

  • Todos os concertos serán ás 20.00 h (agás o do 17 de xullo no Hotel Costa Vella que será ás 21.00 h) e con entrada de balde ata completar a capacidade dos espazos

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Álvaro Álvarez da asociación Desconcierto Cultural, presentaron esta mañá no NH Collection Santiago a programación do ‘TerraZeando. Ciclo de Concertos ao Fresco’. O ciclo chega á súa oitava edición con cinco concertos que presentan a nove bandas diferentes en espazos singulares de Compostela. Serán a Praciña do Olvido, o propio hotel NH, a Terraza da Fundación SGAE, o Hotel Costa Vella e o Parque de Galeras desde o xoves 27 de xuño ata o martes 30 de xullo. Todos os concertos serán ás 20.00 h (agás o do día 17 que será ás 21.00 h) e con entrada de balde ata completar capacidade dos espazos.

Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Álvaro Álvarez, de Desconcierto Cultural.
[Foto: Miriam Louzao]

TerraZeando é o ciclo estival da Asociación Desconcierto Cultural co que se pretende aproveitar lugares especiais que raramente son empregados na música en directo. Espazos que por si mesmos son capaces de amplificar as emocións e sensacións xa xeradas por un concerto. Terrazas, parques e espazos singulares de Compostela que polo seu magnetismo dan lugar a noites inesquecibles.

O ciclo volve na que xa é a súa oitava tempada, con cinco noites de música que albergarán a nove bandas en total nas que teremos a oscura intensidade María Guadaña, o garaxe rock de The Pretty Shirts, o encontro entre Atlántico e Mediterráneo que protagonizarán os galegos Os Amigos dos Músicos e os valencianos Gener, o power pop de Monnone Alone, o folk rock de Martin Frawley, o art pop dos vigueses Ghost Beast, e o eclecticismo musical de propostas como Cool Sounds e Lachlan Denton.

Os concertos do ciclo son gratuítos grazas ao traballo desinteresado dos socios de Desconcierto Cultural, ao apoio do Concello de Santiago de Compostela; ao dos patrocinadores: Cervezas Alhambra, Fundación SGAE Vermú Lodeiros e ao dos colaboradores: Hotel Costa Vella e NH Collection Santiago e, por suposto, aos espazos nos que se levan a cabo os concertos.

Todos os concertos son ás 20:00h, coa excepción do que se celebrará o 17 de xullo no Hotel Costa Vella, que será ás 21:00h

O autor de toda a obra gráfica do ciclo é o deseñador Jorge Vicente Díaz.

 
 
 
NOVAS | Compostela Cultura
Míriam Louzao. Auditorio de Galicia.
Avenida Burgo das Nacións s/n.  15705. Santiago de Compostela

Estás a recibir esta mensaxe como persoa suscrita ao boletín de novas de Compostela Cultura. Se queres darte de baixa nesta listaxe, fai cilck neste enlace .

Email Marketing por ActiveCampaign