Compartir
Bota un ollo e deixa o tempo pasar.
 ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌ ‌
 
AXENDA C | Boletín
25 de marzo de 2020

Compostela Cultura
[Imaxe: Johannes Rapprich en Pexels]

Xa aló van unha ducia de días.
Para que os seguintes tamén pasen axiña, volvemos con propostas en aberto. Moitas delas, feitas dende o país, para non esquecermos a forza creativa que temos ao carón e lembrármonos de apoiala cando todo isto remate. Vaia dende acó o noso agradecemento para o cento de artistas, compañías, produtoras, distribuidoras, cabeceiras, asociacións e certames que están a compartir recursos de balde nestes días. A verdade é que os fan un chisco máis doados.
Seguimos.

1. Rede musical
Rede Musical
[Imaxe: Burst en Pexels]

Son moitas as propostas musicais que están a se difundir a través da rede. A semana pasada, recomendabámosche o ciclo Músicas de sofá, no que se enrolaron figuras como High Paw, Davide Salvado, Najla Shami, Javier Feijoo, Faia Diaz, Abe Rábade, Margarida Mariño, Ugia Pedreira, Gabi Reboredo, Diana Tarin, Petra Porter, Xulia Feixoo, Guillerme Inácio e Artur Pastoriza con actuacións en directo en directo e obradoiros. Aínda podes ver boa parte delas durante uns días. O ciclo dispuxo un sistema de billeteira inversa coa que podes retribuír ás e aos artistas a través de paypal. Infórmate acó.
RFG | Quintana 2014
[Descarga o programa]
RFG | Ros Marbá
[Descarga o programa]

Se o que tes é gana de clásica, non deixes de visitar as redes sociais da Real Filharmonía de Galicia (Facebook; Youtube; Soundcloud). Alí poderás atopar gravacións dalgúns dos seus concertos destacados, para alén de ensaios e entrevistas con directoras/es e intérpretes que estiveron de visita en Compostela.
Como mostra, suxerimos un dos recitais que a orquestra ofreceu na Quintana baixo a batuta de Paul Daniel ou o último concerto no que Ros Marbá se puxo á fronte da RFG como director titular. Preme nas imaxes para acceder a cada un dos vídeos e no texto para descargar os programas.
BMSC | Andrés Gaos
[Nas montañas de Galicia, Andrés Gaos]
RFG | Rosendo Mato
[Lela, Rosendo Mato]
 
 
Tamén a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela comparte en rede gravacións dos seus concertos (Facebook; Youtube). Entre elas, escollémosche a Sinfonía nº2 Nas montañas de Galicia de Andrés Gaos, ou o Lela, de Rosendo Mato na voz de Alexandra Tarniceru, nun concerto que contou coa colaboración da asociación Amigos da Ópera de Santiago.
 
2. Ler en liña e liñas para ler
Galicia Le
[Preme na imaxe para acceder]
Se es socia/do dalgún dos espazos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, seguro que xa sabes que podes acceder á Galicia le, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico que che permite ler canto queiras sen saíres da casa. A novidade é que neste período de corentena o portal habilitou un sistema de rexistro online para que poidas gozar do seu catálogo mesmo se non tes carné. Ao remate do confinamento, aínda disporás de 30 días para achegarte á biblioteca  e seguir gozando das súas vantaxes.
3. Palabras en rede
Palabras en rede
[Imaxe: Festival alguén que respira 2018]

Sempre hai quen prefire quen lle lean e quen atopa a beleza da palabra cando é narrada. Por se for o teu caso, xa a semana pasada che adiantabamos que o Festival Alguén que Respira se trasladara á rede e estaba a liberar cada día contidos diversos. O Respira Web rematou o domingo 22 pero, mentres dure a corentena, poderás acceder as creacións que compartiron Mónica Sánchez, Marta Dacosta, Tamara Andrés, Miguel Azguime, Cesáreo Sánchez, Margarita Alborés, Gonzalo Hermo, Valentín García, Eduardo Estévez, Miriam Ferradáns, Lorena Souto, Alexandre Fernández Peón, Constantino Bértolo, Manuel Outeiriño, Eduard Velasco, Alicia Fernández, Miriam Reyes, Daniel Amarelo, Alfonso Álvarez Cácamo, Mario Regueira, Genaro da Silva, Miro Villar, Mari Carme Otero Sánchez, Claudio Pato, Sechu Sende, Belén Senín, Celso Fernández Sanmartin, Pau Vadell, Pablo Fidalgo, María Sánchez, Lupe Blanco, Xosé María Álvarez Cáccamo, Noelia Gómez, Quico Valeiras, Lara López, Paula Luís, Adriá Targa, Nieves Neira, Manuel Rivas, David Transhumante, Carlos Quiroga, Chus Pato, María Reimóndez, Brais Nogueira, Antón Reixa, Rosalía Fernández Rial, María Lado, Beatriz Chivite, Rafa Lobelle, Eva Veiga, Blanca Llum, Diego Horschovski, Paulo Maestro, Pilar Pallarés, Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus, Lara Dopazo, María do Cebreiro ou Mónica Caamaño.
Poesías contra o coronavirus, contra a extinción, contra a desconfianza, contra o silencio, contra o medo, contra a parálise, contra a distancia, contra o fanatismo, contra a xenofobia, contra a violencia, contra a disidencia, contra a asfixia, contra a intolerancia, contra a barbarie, contra a fuxida, contra o esquecemento, contra a presión contra a desmemoria, contra o confinamento mental... en suma, poesías da resistencia.
Festival Atlántica
Festival Atlántica de Narración Oral
Outra das iniciativas que se sumou ao contar en liña, foi o Festival Atlántica de Narración Oral. Como teñen moito conto, adornaron as redes (Facebook; Youtube) cos de Pablo Díaz, Charo Pita, Noelia Carioca, Celso Fernández Sanmartin, Dani Blanco, Fernando Saldaña Fernández, Sandra Araguás, Rubén Martínez, Aline Cândida e Chicó do Céu. Ollo que aínda están moitos por vir, porque o conto non para.

 
Salón Virtual
O Salón Virtual
Ao ter que cancelar a súa edición de 2020, o Salón do Libro de Pontevedra puxo a andar o Salón Virtual onde, ademais de contos, poderás atopar cantigas, obradoiros, malabares, kits de supervivencia poética e mesmo clases de ximnasia. Visítaos!
 
Kalandraka tv
Kalandraka tv
Quen tamén sabe moito de contar é a xente da editorial Kalandraka. En kalandraka.tv podes atopar un lote de contos contados e cantados, vídeos musicais, entrevistas con ilustradoras e ilustradores, e fermosas animacións de libros.
Recursos para que a rapazada e tamén quen os acompaña levemos mellor o peche.
 
Hay Festival
Hay Festival
Non perdas tampouco de vista os eventos que está a pendurar o Hay Festival, un dos socios do Auditorio de Galicia no proxecto Wom@rts. Cada día, a organización do certame pon en aberto conversas entre figuras destacadas da literatura mundial. Bota un ollo ao que se reservan até a fin do mes.

25.03 | Orhan Pamuk  conversa con Peter Florence.
26.03 | Diego Luna  conversa con Gaby Wood.
27.03 | Lydia Cacho conversa con Javier Moreno.
28.03 | Joseph Stiglitz conversa con Moisés Naím.
29.03 | A filosofía da dignidade. Javier Gomá conversa  con Daniel Dombey.
30.03 | Xornalismo combativo. Gloria Esquivel e María Paulina Baena conversan con Vanessa Rosales.
31.03 |  Leila Guerrero conversa con Diego Zúñiga.

4. Na punta do pé
Na punta do pé

Como tampouco se trata de que pases o día no sofá ou na cadeira, velaquí un feixiño de contas que nos animan a mover un chisco o corpo ao tempo que aprendemos puntos centrais do baile tradicional galego.
Luís Prego
Luís Prego
Durante o Festival Atlántica, Luís Prego ía impartir na praza de Cervantes o un obradoiro de baile na compaña de Pablo Díaz. Como non puido ser, tráenos uns puntos de muiñeira para que vaiamos practicando até que o poidamos facer á vista da xente. Na súa canle Un punto ao día con Luís Prego  tes vídeos abondo para ir tirando.
 
Antonio Prado
 
Antonio Prado
Tamén Antonio Prado nos anima a pasar a corentena a ritmo de baile tradicional. 
Aprende muiñeiras e xotas de atrás adiante e de diante atrás. Se premes na foto, accederás ao primeiro dos vídeos, se o fas acó, á lista completa.
 
Ardelloeixo
Antonio Prado
Por se aínda tes folgos, recuperámosche un obradoiro de baile con perspectiva de xénero co que a xente de Ardelloeixo nos propón unha voltiña aos modos de bailar e de pensar o baile.
Para bailar cos tempos.

5. E ti que ves?
Todos vós sodes capitáns
Fotograma de Todos Vós Sodes Capitáns (Oliver Laxe, 2010)
 
Novo Cinema Galego
Para rematar, un pouco de cinema.
Foi en 2010 cando o filme Todos vós sodes capitáns, do cineasta galego Oliver Laxe, recibiu o Premio Fipresci do Festival de Cannes. Este recoñecemento supuxo unha chamada de atención a escala internacional  ás novas formas de filmar e producir estaban a tecer dende Galicia e que se deron en chamar Novo Cinema Galego.

Dez anos despois, e co gallo de que pasemos mellor a corentena, a web NovoCinemaGalego.info, ou o Arquivo das Novas Prácticas Cinematográficas na Galiza, pon a disposición pública un bo corpo das fitas que se xeraron dende entón.
Para alén do filme de Laxe, podes atopar polo momento:

Vikingland (Xurxo Chirro, 2011)
O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013)
Hyohakusha (Xisela Franco e Ánxela Caramés, 2015)
Ser e voltar ( Xacio Baño, 2015)
Bs. As. (Alberte Pagán, 2006)
Leo y Mario [se dejan] (Sonia Méndez, 2011)
N-VI (Pela del Alamo, 2012)
Rapa das Bestas (Jaione Camborda, 2017)
Montaña en Sombra (Lois Patiño, 2012)
Listen to me (Carla Andrade, 2016)
O Cazador (Ángel Santos, 2008)
Fogos (Martin Pawley e Marcos Pérez, 2017)

Sin Dios ni Santa María (Helena Girón e Samuel M. Delgado, 2015)
O Porco e o seu espírito (Adrián Canoura, 2017)
La Brecha (Marcos Nine, 2011)
Piedad (Otto Roca, 2012)
Jet Lag (Eloy Domínguez Serén, 2014)
VidaExtra (Ramiro Ledo, 2013)
Arraianos (Eloy Enciso, 2012)
La declaración de los objetos (Cristobal Arteaga, 2016)
Fragmentos de Brand (Carlos Álvarez-Ossorio, 2012)

Visións (filme colectivo, 2016)

Verengo (Víctor Hugo Seoane, 2015)

O arquivo garda tamén textos académicos e divulgativos que che permitirán coñecer mellor o movemento e os filmes que o conforman. Se aínda queres máis información para o visionado,  proba co portal de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, con contidos sempre en aberto ou cos espazos de cinema da Revista Luzes, que poderás consultar sen subscrición por un tempo limitado.
CREA
Outro dos colectivos que se suma ao cinema en aberto contra a corentena é a asociación CREA. Para loitar contra a apatía e o aborrecemento, as creadoras e creadores das súas filas reuniron máis de 150 títulos audiovisuais de formatos diversos que xa podes ver en rede.
MICE
Pechamos coa achega da Mostra Internacional de Cinema Galego, que tiña que ter sido celebrada esta mesma semana. Dende onte, este certame do Museo do Pobo Galego está a publicar na súa conta de vimeo unha selección de contidos audiovisuais e formativos. Non os perdas.




Axenda C | Compostela Cultura
Auditorio de Galicia.  Avenida Burgo das Nacións s/n.
C.P. 15705. Santiago de Compostela


Email Marketing por ActiveCampaign